Wednesday 15 de May de 2024

Pleno Xullo Concello de Arteixo


Diante do Pleno ordinario do mes de xullo do Concello de Arteixo o Grupo Municipal do BNG vai presentar dúas mocións:

MOCIÓN PARA O NOMEAMENTO DE RÚA PARA MARÍA DE RITA.- O que o BNG ven a propoñer a este pleno do concello de Arteixo é o
nomeamento dunha rúa á nosa xente, á xente de Arteixo, a xente anónima que non forma parte da historia política pero sí da historia social, á xente que formou e forma parte da personalidade e ADN do noso municipio. Neste caso, solicitamos a través desta moción que se lle dedique unha rúa, ou
calquera outra vía, calzada, etc a “MARÍA del CARMEN SUÁREZ LÓPEZ”, muller que na segunda metade do século XX aprendeu do médico José Amenedo Casabella todo o respectivo á súa profesión e dada a súa capacitación e entrega altruísta, el mesmo, odoutor Amenedo, foi quen lle propuxo que se dedicase á profesión cousa que María de Rita, así era coñecida, accedeu dun xeito xeneroso e percorría o concello de Arteixo
poñendo inxeccións, atendendo partos, etc a veciños e veciñas que non podían pagarlle, e ela acudía camiñando alí onde a chamaban.
MOCIÓN SOBRE A CREACIÓN DUNHA RADIO LOCAL MUNICIPAL.- Sempre é moi importante unha información veraz, obxectiva, centrada no territorio no que se vive e o máis inmediata posible, máis nestes tempos nos que non abundan uns medios neutrais, obxectivos, independentes e nos que teñan cabida todas as opinións e sensibilidades. Vese, ademais a necesidade dunha información áxil e adaptada ao que nos afecta directamente, ao noso territorio, ao noso concello. Un canal radiofónico dixital que poda acompañar á veciñanza de todas as idades, nomeadamente a aquela que non está cómoda e non se desenvolve ben nas novas tecnoloxías. Ademais debe engadir unha importante acción cultural e unha referencia no día a día de todas e todos.
As potencialidades da radio son moitas, comezando por un custe de produción moito menos elevado que outros medios, como a TV, prohibitiva
para un medio local. Ademais é de extraordinaria importancia en situacións de emerxencia, é o medio de comunicación que ten a maior inmediatez,
pode ser escoitada nos lugares máis apartados, conta cunha linguaxe propia, acada unha grande proximidade cós intereses básicos da poboación, é o medio que menos interpón obstáculos físicos, dificultades intelectuais e requisitos técnicos entre o emisor e o receptor e non require unha atención exclusiva podendo realizar ao tempo outras tarefas. Radio Arteixo era unha emisora municipal que comezou a emitir o 23 de marzo de 1993 e dende agosto de 2011 as súas emisións pasaron a ser escasas e limitadas ao centro urbano, pola retirada da antena irregular nesa data, ate o seu peche definitivo. Precísase unha reformulación actual e acaída a estes tempos deste medio, empezando dende cero, máis aproveitando o coñecemento dos erros cometidos para evitalos no futuro. Por estes motivos, o BNG propón ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguintes acordos:
1. Crear unha radio local municipal, adaptándoa aos novos tempos e como un medio aberto, obxectivo, colaborativo, participativo e de proximidade, onde todas as sensibilidades teñan cabida.
2. Incorporar no orzamento municipal para o ano 2024 unha partida atal efecto.
Ademáis fárase unha pregunta e dous rogos.
A pregunta refirese a que se pode observar desde a beirarrúa da avenida Arsenio Iglesias un poste de luz con transformador no interior do instituto Manuel Murguía. É preciso que á maior brevidade posíbel se poña en coñecemento da Consellaría esta perigosa circunstancia. Un poste da luz con armadura oxidada á vista e formigón agrietado e fisurado…o transformador ten un peso considerábel e haberia que cambiar o poste antes de que pase algo.
Un dos rogos refírese a que hai uns días tivemos coñecemento de que non se vai celebrar a vindeira tempada de futbol sala como se viña facendo ata agora. Aínda que remata a concesión poderíase volver licitar en hora para que a Liga poidese comezar ao seu debido tempo.

No outro rogo pídese a reparación da parada do autobús de Quintán en Loureda que está nun estado de deterioro evidente, ademáis da dotación dunha nevera para medicación no Centro Social deste lugar.